ACTO INFORMATIVO: XOVES, 15 DE ABRIL ÁS 20:00 H. NO C.S. UXÍO NOVONEYRA

lunes, 26 de octubre de 2009

LUGO: UN MUNDO FELIZ!


Semella que despois da aprobación da draconiana ordenanza “cívica” que trama o Concello e os seus secuaces, Lugo, coma nos mellores soños de Huxley, vaise converter nun “Mundo Feliz”:

Xa non haberá mendigos pola rúa, que tanto incomodan aos bos votantes, (perdón, ía dicir veciños…). A nova ordenanza virá acompañada dun elixir que fará invisíbeis e autistas a aqueles.

Non haberá ningún cartel inoportuno anunciando nada na rúa. Así non nos despistaremos e poderemos concentrarnos mellor nos anuncios publicitarios ou nos taboleiros electorais. Así, realizándonos como consumidores e votantes- mutantes, poderemos ser os bos cidadáns que Papá Alcalde e Tito Concelleiro agardan que sexamos.

“Esos jóvenes que tanto molestan con sus fiestas” serán só unha vella lembranza do pasado. Os rapaces beberán só garrafón nas discotecas ou nalgún dos 1300 locais que venden alcohol con licencia municipal, que senta mellor e é moito máis “educativo”.

Os coches só se venderán nos concesionarios, para que as empresas que n os dan traballo obteñan moitos beneficios e todos podamos seguir sendo máis felices.


Xa non haberá 16.000 casas abandonadas con graffitis, porque non haberá graffitis. Os que durman na rúa ou nos caixeiros serán tamén invisíbeis.

Os matos e silvas que medran nas paredes da Muralla tamén van ser prohibidos, e tamén a choiva que a molla. Así, unha Muralla sempre lustrosa e sequiña, acompañará a nosa felicidade.

E por suposto, e por riba de todo, teremos eliminado aos ameazantes “gorrillas” que tanto nos incomodaban ao aparcar; aquel que, antes de este bendito ordenamento, era o principal problema cívico. Porque cando a ordenanza sexa aprobada (que gracias a Deus así será), poderemos exercer a nosa felicidade pagando sempre por aparcar en parkings exclusivamente vixiados por “gorilas” e non por “gorrillas”.

E por se aínda queda algún queixicas -que sempre os hai-, para colmo de felicidade, viviremos ademáis en plena igualdade, porque CANDO TODO ESTÉ PROHIBIDO, TODOS SEREMOS DELINCUENTES.


No hay comentarios:

Publicar un comentario