ACTO INFORMATIVO: XOVES, 15 DE ABRIL ÁS 20:00 H. NO C.S. UXÍO NOVONEYRA

viernes, 1 de enero de 2010

Documento: Retirada da Ordenanza Cívica

Distintos colectivos e asociacións (Plataforma Alternativa, Radio Clavi, C.S. MadiaLeva!, Sinerxia, CIG, CNT, C.S. Vagalume,...) subscribimos o seguinte documento SOLICITANDO A RETIRADA DA PROPOSTA DA ORDENANZA CÍVICA, e individualmente (por colectivo ou asociación) presentaremos por rexistro de entrada ante o concello.

Pregamos a calquera outro colectivo/asociación de acordo coa solicitude de retirada, o comunique ao concello (documentandoo por rexistro de entrada) podendo empregar o seguinte documento ou outro que considere.

A vindeira xuntanza dos colectivos/asociacións antes nomeados, e de calquera outro que desexe asistir, será o xoves 21 ás 20 hs. no C.S. MadiaLeva! (Rúa Amor Meilán, 18).

AO CONCELLO DE LUGO



A asociación ...................................,con enderezo a efectos de notificación en..........................., perante a prevista aprovación do regulamento coñecido como Ordenanza de Civismo, quere facer as seguintes

MANIFESTACIÓNS

Primeira.- Interpreta o non ter sido convidada ao foro cívico, convocado en relación coa chamada Ordenanza de Civismo, como sinal dunha vontade por parte do Concello de excluir deste debate aos movementos sociais da nosa cidade.

Segunda.- Despois de ler e debater o rascuño desta norma que foi publicado, consideramos que o texto constiúe unha proposta regresiva ao incluir elementos inxustificadamente represivos ou excluíntes.

Terceira.- Esta proposta semella estar pensada para unha situación social caracterizada por un conflito entre, por un lado, a cidadanía común e, polo outro, unha serie de novas e preocupantes ameazas para a convivencia. Este escenario non se corresponde en absoluto coa realidade de Lugo que é, en xeral, considerada como unha cidade segura. Neste sentido, todo indica que se pretende estabelecer, por lei, unha dialéctica maniquea, de bos e malos, para lexitimar políticas antisociais e autoritarias.

Cuarta.- O que se proclama, na propria norma, como finalidade da ordenanza, isto é, a preservación do espazo público para poder, libremente, as persoas circular, lecer, encontrarse e recrearse, pon de relevo unha concepción moi pobre da convivencia social. A norma, por exemplo, limita inaceptabelmente a liberdade de expresión nos artigos que van do nove ao quince. E o mesmo podemos dicir da liberdade de reunión, que fica vulnerábel polo artigo 21.4. Como se a convivencia cívica non dependese da garantía deste tipo de liberdades fundamentais.

Quinta.- Preténdese fundamentar a tipificación de infraccións nunha utilización avesa de conceptos como o de contaminación ou degradación visual (art. 9). Logo de como correron os conflitos, entre o Concello e a veciñanza, en relación cos proxectos urbanísticos para os Parques “Rosalía de Castro “ e “Marcos Cela”, entendemos que a intención real da ordenanza, neste apartado, non é preservar a cidade da contaminación visual, mais lexitimar a represión contra a libre expresión da cidadanía no espazo público, mediante cartazes, panfletos, faixas, etc.

Sexta.- Non atende ao interese do Concello pola contaminación acústica (art. 21), non debemos esquecer que este mesmo goberno municipal pretendeu modificar a ordenanza sobre contaminación acústica para permitir a abertura de novos bares e cafetarías en zonas declaradas como acusticamente saturadas. Esta modificación foi recorrida polo movemento veciñal perante os tribunais, obtendo unha resolución favorábel, mesmo tras os recursos do Concello. Como no punto anterior, neste caso tamén sospeitamos que, o que se procura, non é protexer o descanso nocturno das veciñas e veciños, mas a criminalización da mocidade unha vez fracasados os programas municipais de ocio nocturno alternativo.

Sétima.- Chócanos que a ordenanza fale de ‘novas situacións e circunstancias’ (px. 2) para se referir a cousas como a mendicidade ou a prostitución. A medicidade, por exemplo, xá era considerada perigosa na lexislación franquista, por exemplo na Ley de Peligrosidad y Rehabilitación Social. Esta lei tipificaba, como infracción, a mendicidade cando era “habitual”(art. 2), e a ordenanza no seu texto actual, cando é “insistente” (art. 16). Estamos, pois, perante dous textos diferentes na forma, mais semellantes no seu contido aporofóbico.

Oitava.- O artigo 27, que expón os fundamentos da regulamentación do comercio ambulante, considera como de interese para o civismo a protección da economía de mercado e a libre concorrencia. Deste xeito estase a facer pasar os ilícitos mercantís, ou as irregularidades administrativas, por atentados contra a convivencia. Isto é moi grave pois, en realidade, acarreta unha criminalización da venda ambulante que, dadas as suas caracterísiticas na nosa cidade, pode amparar actitudes policiais xenófobas, ou racistas.

Novena.- A Lei 57/2003, de Medidas para a Modernización do Goberno Local, mais coñecida como Lei de Grandes Cidades, serve como fundamento xurídico principal para esta ordenanza. Cómpre lembrar que foi aprobada nos momentos álxidos da viraxe ultrareaccionaria do Goberno de Aznar en Madrid. Na Galiza foi invocada, para deturpar a toponimia da cidade da Coruña ou para, nese mesmo concello, fechar locais de asociacións e movementos sociais, como Mil Lúas e Oveja Negra. En Lugo, esta mesma lei, aplicouse para nomear o pasado ano, como concelleira-delegada de urbanismo, unha pesoa que non se apresentou às eleicións municipais de 2007. Non debe estrañar, por tanto, que unha norma tan duvidosamente democrática, tanto na sua orixe como nos seus termos e resultados, inspire o carácter regresivo da ordenanza de civismo que se quere aprovar.

Décima.- Debido á escura redación da Lei 57/2003, o rascuño de ordenanza cívica confunde a potestade sancionadora en relación coas matérias de convivencia cívica de interese local, coa regulamentación punitiva de cuestións como a sexualidade, as liberdades fundamentais, ou a dignidade humana. É obvio que o texto apresentado excede con moito, as competencias que razoabelmente se lle poden atribuir a un goberno municipal. Utilízase o pretexto dunha intepretación excesiva do concepto de espazo público para tentar a imposición dun código penal, a escala local e sen garantías, que en moitos casos pode dar lugar a vulneracións de principios xurídicos básicos como o de tipicidade e proporcionalidade, das disposicións sancionadoras, o de seguranza xurídica, ou o de non bis in idem, polo qual ninguén pode ser punido mais dunha vez por unha mesma conduta.

Decimoprimeira.- Se as Disposicións comúns sobre réxime sancionador ficasen como están, darían lugar a unha perigosa hipertrofia das funcións policiais ao configurarse, a policia local en virtude da presunción de veracidade, como a encarregada de interpretar a lei e determinar, sen garantía ningunha, que condutas son sancionábeis como infraccións contra a convivencia.

Por todo isto, e por todo o que fai desta ordenanza unha norma regresiva, represiva, e perxudicial para a convivencia cívica, e a pesar de non ter sido convocadas polo Concello de Lugo para dar, ao respecto, a nosa opinion.

ESIXIMOS

A inmediata retirada da proposta contida no rascuño de Ordenanza de Civismo que foi publicada e á que nos referimos no presente escrito.

domingo, 22 de noviembre de 2009

ASINA POLA RETIRADA DA CHAMADA “ORDENANZA CÍVICA”

Na vida cotiá da nosa cidade maniféstanse os máis variados conflictos derivados da propia convivencia, da diversidade cultural, das diferenzas xeneracionais, de situacións concretas e puntuais emanadas en ocasións da falla de alternativas sociais ou culturais. Ditos conflictos, solucionados de maneira axeitada, poden derivar positivamente na mellora da convivencia cidadá e a súa solución non pasa por medidas coercitivas, represivas e puramente sancionadoras. A solución pasa por modelos preventivos e educacionais baseados en valores colectivos, que permitan a asunción da responsabilidade individual e unha solución voluntaria e consciente.

Emporiso, a Concellería de Protección da Comunidade, Réxime Interior e Transportes presenta unha “Ordenanza de Civismo” que non se axusta á realidade de Lugo e xa amosou o seu fracaso para a solución de problemas na súa cidade de orixe, Barcelona. A ordenanza invoca reiteradamente á convivencia nunha declaración de boas intencións que entra en clara contradicción co contido do articulado. Ao longo deste detállanse deceas de prohibicións que impoñen severas restriccións á liberdade de utilización e manifestación do espazo público. Trátase dunha ordenanza de carácter fundamentalmente represivo que convirte as vítimas en culpables: prohíbense a mendicidade ou a prostitución en vez da miseria e a precariedade.

De aprobarse esta ordenanza, multitude de persoas, colectivos e actividades comúns veranse afectados polas multas, sancións e incluso detencións: asistentes ao “botellón”, mendigos, ciclistas, “gorrillas”, grafiteros, patinadores, practicantes de Parkour, vendedores ambulantes, vendedores de panos, prostitutas, repartidores de publicidade, anunciantes con pancartas, carteis, volantinas ou pegatinas, migrantes, manifestantes e moitos outros veranse afectados en igual medida.

Por suposto, a responsabilidade compartida de facer cidade esixe seguir unhas pautas de comportamento cívico que deben vincular por igual a individuos, colectivos e institucións na preservación do patrimonio urbán, cultural, histórico e natural, así como os bens e servizos públicos.

Por todo o exposto, os colectivos e persoas a título individual abaixo asinantes estimamos que Lugo é unha cidade basicamente segura e que xa existen normas suficientes na actualidade que permiten a sanción de conductas que danen a convivencia cidadá. Non reivindicamos que se pida esmola, se durma na rúa ou se lave nas fontes, senón que ninguén teña necesidade de facelo e que se asegure ás persoas o dereito a unha vida digna. Polo tanto estimamos que non é necesaria unha ordenanza municipal destas características e reclamamos a súa retirada.


Nome e apelidos
Correo electrónico
DNI
Suxerencias
Image Verification
captcha
Please enter the text from the image:
[ Refresh Image ] [ What's This? ]

miércoles, 28 de octubre de 2009

Apuntamentos sobre a "Ordenanza Cívica"

É inaceptábel que unha “Ordenanza Cívica” sexa redactada en termos puramente subxectivos, que permita ao funcionario armado de quenda poñer en práctica o seu avalado criterio xurídico. Dáselle a numerosos artigos unha ampla discrecionalidade á hora de poder ser aplicados. Isto implica que, ao non estar claramente tipificadas as infraccións, o eido no que se poden aplicar é tan amplo que permite sancionar actividades que para nada supoñen actos incívicos, como toda forma de mendicidade ou a práctica de xogos “de habilidade” na rúa. Ademais, criminaliza duramente a pobreza, ao perseguir explicitamente a toda aquela persoa que malvive “prestando pequenos servizos non solicitados”, isto é, vender panos nos semáforos, limpar cristais, limpar botas, vender rifas, etc. Coido que é unha aberración afrontar o problema da exclusión social intentándoa quitar da rúa a base de persecución e sancións. Así, o único que conseguimos é excluílos aínda máis e aumentar, se cabe, o problema. Este texto segue o modelo norteamericano de “tolerancia cero” cos mendigos. Quizais os distinguidos políticos locais –distinguidos pola súa incompetencia- deberían reler a Lope de Vega que dicía que “a pobreza non é vileza mentres non fai cousas malas”.


O modelo actual xa supón un claro atentado á liberdade de expresión e de difusión de ideas, ao incapacitar ao movementos sociais, políticos e culturais que teñen que agardar o permiso da policía para utilizar o espazo público como medio libre de difusión de ideas e convocatorias –chegando incluso a impedir a organización da Feira de Asociacións durante dous anos consecutivos-. Ademais, nesta ordenanza, impídese a colocación de cartaces ou doutros materiais de difusión no “espazo público”, incluso en inmóbeis abandonados, en estado ruinoso ou en total desuso. Todo para manter limpo os escaparates que os turistas e a acomodada clase burguesa gusta contemplar, incluso se iso leva consigo darlle unha couce aos dereitos e liberdades dos cidadáns e cidadás.

Esta ordenanza consolida o modelo de cidade alicerzada no binomio casa- traballo- ocio privado e privatizado. É curioso que un concello socialdemócrata aprobe estas normas como símbolo de progreso e benestar social. En Barcelona xa non se pode comer un bocadillo sentado na beirarrúa. E este o “modelo” de cidade que queremos?

En definitiva, a non aprobación desta ordenanza non supón en absoluto que os comportamentos verdadeiramente incívicos vaian deixar de ser perseguidos, pois todos están xa recollidos en anteriores normativas, así como no Código Penal. Sinxelamente non podemos tolerar que se metan non mesmo saco elementos sociais, políticos, culturais que, lonxe de supor actos incívicos, son o exercicio de dereitos e liberdades fundamentais. Asina pola retirada desta ordenanza incívica neste blogue.

lunes, 26 de octubre de 2009

LUGO: UN MUNDO FELIZ!


Semella que despois da aprobación da draconiana ordenanza “cívica” que trama o Concello e os seus secuaces, Lugo, coma nos mellores soños de Huxley, vaise converter nun “Mundo Feliz”:

Xa non haberá mendigos pola rúa, que tanto incomodan aos bos votantes, (perdón, ía dicir veciños…). A nova ordenanza virá acompañada dun elixir que fará invisíbeis e autistas a aqueles.

Non haberá ningún cartel inoportuno anunciando nada na rúa. Así non nos despistaremos e poderemos concentrarnos mellor nos anuncios publicitarios ou nos taboleiros electorais. Así, realizándonos como consumidores e votantes- mutantes, poderemos ser os bos cidadáns que Papá Alcalde e Tito Concelleiro agardan que sexamos.

“Esos jóvenes que tanto molestan con sus fiestas” serán só unha vella lembranza do pasado. Os rapaces beberán só garrafón nas discotecas ou nalgún dos 1300 locais que venden alcohol con licencia municipal, que senta mellor e é moito máis “educativo”.

Os coches só se venderán nos concesionarios, para que as empresas que n os dan traballo obteñan moitos beneficios e todos podamos seguir sendo máis felices.


Xa non haberá 16.000 casas abandonadas con graffitis, porque non haberá graffitis. Os que durman na rúa ou nos caixeiros serán tamén invisíbeis.

Os matos e silvas que medran nas paredes da Muralla tamén van ser prohibidos, e tamén a choiva que a molla. Así, unha Muralla sempre lustrosa e sequiña, acompañará a nosa felicidade.

E por suposto, e por riba de todo, teremos eliminado aos ameazantes “gorrillas” que tanto nos incomodaban ao aparcar; aquel que, antes de este bendito ordenamento, era o principal problema cívico. Porque cando a ordenanza sexa aprobada (que gracias a Deus así será), poderemos exercer a nosa felicidade pagando sempre por aparcar en parkings exclusivamente vixiados por “gorilas” e non por “gorrillas”.

E por se aínda queda algún queixicas -que sempre os hai-, para colmo de felicidade, viviremos ademáis en plena igualdade, porque CANDO TODO ESTÉ PROHIBIDO, TODOS SEREMOS DELINCUENTES.


jueves, 10 de septiembre de 2009

MOITAS GRAZAS POLO TEU APOIO!